Martiño Suárez presenta o próximo venres 8 en Compostela Bestiario do vestiario. Segundo tempo, un libro no que recolle 50 relatos sobre atletas estraños e historias relacionadas co deporte. A presentación levarase a cabo na tenda compostelá A Reixa / Matrioska (Hórreo, 46) o venres 8 ás 19.30 horas, e nela actuará o grupo santiagués Grampoder. Bestiario do vestiario. Segundo tempo reúne nas súas páxinas a eternas promesas, ídolos caídos, xornalistas deportivos fallidos, revolucionarios sobre rodas, emperadores e nazis derrotados na cancha, tramposos, artistas obsesionados co xogo e tamén, por suposto, algún que outro recordo de infancia.
Martiño Suárez presenta o libro este venres 8 na tenda A Reixa
O libro, continuación do Bestiario do vestiario publicado en 2016, foi editado polo selo Dinastía Meiji, de Carlos Meixide, e sae á rúa despois de completar unha campaña de financiamento colectivo ou crowdfunding que foi apoiada por preto de 150 mecenas. Ademais do editor, participarán na presentación os xornalistas David Lombao(director de Praza Pública, o medio dixital no que apareceron orixinalmente os artigos que forman o libro); e Pedro Pablo Alonso (director de Ao Contraataque, o programa deportivo da Radio Galega no que colabora Martiño Suárez). Ademais, para o evento xuntarase, por primeira vez en case dous anos, o grupo Grampoder, que interpretará un mini concerto composto por cancións dedicadas ao deporte, propias e alleas. Formada por Le Roi e polo propio autor do Bestiario do vestiario, Grampoder editou na súa traxectoria o disco longo Golf Whiskey e o EP Tigerland.