A CIG-Ensino informou este luns do rexistro dunha denuncia ante Inspección de Traballo polo incumprimento da lexislación en prevención de riscos laborais contra a consellería de Educación ao non se ter negociado coa representación sindical as recomendacións sanitarias que entran hoxe en vigor.
“Logo da carta remitida á titular da Consellaría e da nula vontade negociadora do departamento educativo da Xunta, o sindicato presentou, como xa anunciara, denuncia en materia de prevención de riscos laborais contra a Consellaría de Educación”, sosteñen dende a sección sindical da CIG.
Para a CIG-Ensino a decisión da Consellaría de programar a apertura dos centros escolares é “inaceptábel” por non ter negociado esta reapertura. Ademais, o documento que recolle as recomendacións sanitarias non é un “documento normativo” e “dificulta a xestión das posíbeis dispensas de asistencia aos postos de traballo para o persoal que forme parte dun grupo vulnerábel, xa que indican que a dirección do centro emitirá un informe previo para acreditar a imposibilidade de realizar a adaptación do posto de traballo ou a dotación das proteccións necesarias”.
A CIG entende ademais que a obriga de dotar de material e medios necesarios tanto ao persoal docente e non docente como ás persoas que acudan aos centros nestes días para formalizar a admisión das súas crianzas, non debe recaer en primeira instancia na dirección dos centros.