Home Espazo Aberto Medio ambiente Denunciadas perante a Fiscalía as obras do parque eólico Serra de Oribio

Denunciadas perante a Fiscalía as obras do parque eólico Serra de Oribio

0
Denunciadas perante a Fiscalía as obras do parque eólico Serra de Oribio

A Sociedade Galega de Ornitoloxía co apoio da Fundación Oso Pardo (FOP), a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e a Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) veñen de presentar unha denuncia ante a Fiscalía contra a empresa Fergo Galicia Vento polas obras do parque eólico Serra de Oribio. Trátase dunhas obras de movemento de terra e acondicionamento de pistas na Serra de Oribio. Estas obras foron paralizadas preventivamente o pasado 17 de xuño ao non contar con toda a documentación regulamentaria.

O movemento de terras con maquinaria pesada desenvolveuse no lugar onde, segundo consta no proxecto, se instalarán os aeroxeradores do parque eólico Serra do Oribio. A construción dese parque eólico pretende facerse en base a unha Declaración de Impacto Ambiental aprobada no 2005. As circunstancias mudaron e hoxe está vixente o Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia que, entre outras medidas, prohibe a instalación de novos parques eólicos nos espazos da rede.

A Serra do Oribio está catalogada como Zona Especial de Conservación, dentro da Rede Natura 2000 de Galicia. A zona é unha área importante para diversas especies ameazadas, como a tartaraña cincenta (Circus pygargus) e a gatafornela (Circus cyaneus), especies incluidas no Catálogo Galego de Especies Ameazadas. Ademais, o Oribio é unha zona de presenza recente do oso pardo.

Dende a SGO consideran que o parque eólico non é compatible coa conservación da riqueza natural e cultural do territorio, e que non cumpre as disposicións do Plan Director da Rede Natura 2000 en Galicia.