Existen as persoas que escriben ata nas marxes da axenda durante o curso e quen acaba cos rotuladores fosforitos marcando datas nos meses de verán do calendario. Isto vai para ese segundo tipo de persoas que, ano tras ano, tratan de argallar o mellor plan de verán enfiando os mellores festivais.

Para metal, Cangas

O Kanekas Fest cumpre 10 anos, un aniversario que toda metaleira e metaleiro que se precie non debería deixar pasar. O Resurrection Fest é un dos mellores festivais de metal da nivel europeo, pero non atoparás ningún outro festival de metal con identidade galega como o Kanekas de Cangas. Terá lugar os días 25, 26 e 27 de xullo e está organizado pola Asociación Cultural Morrazica. O cartel é de luxo: actuarán as bandas portuguesas Pledge e Gaerea, as madrileñas Hamlet, Wormed, Le Temps Du Loup e Bones Of Minerva; a bilbaína The Wizards e a cordobesa Viva Belgrado. Quenda xa para as galegas: Balmog, Hongo, Blac Panda e Mano de Piedra. No Kanekas tamén apostan polas bandas locais e subirán ao escenario Pültur e Stigmatribe, que se reunirán en exclusiva e que foi símbolo durante 15 anos do metal na localidade polo que a emotividade xa está servida. Sen dúbida, un festival a non perder este verán.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Machete en Boca en Antros Pinos

Sempre é motivo de alegría estar Antros Pinos pero máis se o cartel xuntan a enerxía musical de Balkan Bomba coa forza de Machete en Boca, que chegan a Rianxo cunha sona en ascenso, especialmente dentro do movemento feminista. O XII edición deste Festival Antros Pinos tamén estará marcado por Funky Style Brass, The Lelli Kelly’s, Nao, Terbutalina e uns bailes asegurados ao ritmo de Sin Cereza ou o aclamado Bigote Mix.

Cantanto as corenta en Pardiñas

Outro aniversario imprescindible é o do Festival de Pardiñas. ‘Cantando as corenta’ é un lema o suficientemente atractivo como para ir ata o Festival de Guitiriz de cabeza, independentemente dos nomes que completen o cartel.Do 2 a 4 de agosto, Pardiñas volcarase nunha festa na que se inclúe a actuación de once intrumentalistas, formada por músicos de diferentes grupos que xa son habituais no festival: Susana Seivane, Uxía, Antón Reixa, Pepe Vaamonde, Kevin Weatherill ou Xosé Manuel Pereiro.

Sardiñada no Revenidas

A Gran Sardiñada Popular do sábado, os concertos a bordo, as actividades no campo e a praia a tan só uns metros fai do Revenidas un dos festivais máis apetecibles do verán. Se xa no cartel temos a Flow do Toxo, Gogol Bordello,  Erin, Talco, Ferromona DJ, Skacha, Rebelióm do Inframundo, Doctor Krapula, Bastards on Parade ou Nao, non o dubidamos e anotamos con fosforito do 9 ao 11 de agosto a nosa cita festivaleira en Vilaxoán.

Este son tan só catro dos moitos festivais que inundan nestes momentos Galicia, dende Ortigueira co Festival Intercéltico ao Entrebateas da Pobra ou o Mariquiño de Vigo. Entón, como sobrevivir aos festivais galegos? Contabamolo dende o inicio: calendario e rotulador

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -