Diversos colectivos e organizacións integrantes da rede ContraMINAcción levaron ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia a denominada ‘Instrución Tahoces’ (oficialmente Instrución 6/2018, do 3 de agosto, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, sobre acceso á información pública en materia de minas) que fora aprobada o verán pasado polo director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, no medio de fortes críticas dos movementos sociais, que a consideran un paso máis para obstaculizar o acceso á información ambiental relativa a proxectos mineiros e enerxéticos.
O TSXG admitiu a demanda que veñen de formalizar esta mesma semana a Asociación Petón do Lobo, a Asociación Sociocultural O Iribio, a Sociedade Histórica e Cultural Coluna Sanfins, o Sindicato Labrego Galego e Verdegaia, co apoio doutros colectivos integrantes na rede. Dende a rede ContraMINAcción explican que “mediante a demanda contencioso-administrativa preténdese que o tribunal anule os aspectos da Instrución que vulneran non só a lexislación de rango superior en materia de acceso á información ambiental, senón que a propia Convención de Aarhus da que é parte contratante o Estado e que recoñece os dereitos de acceso á información ambiental e á participación pública en proxectos que afecten o ambiente”.
A maiores deste proceso xudicial, existe un procedemento aberto ante a Comisión de Cumprimento do Convenio de Aarhus, nas Nacións Unidas, “polo carácter sistemático destas vulneracións, existindo sentenzas previas do propio TSXG que condenaron á Xunta a entregar copias de expedientes mineiros que viñan sendo retidos ilegalmente”.
Desde ContraMINAcción denúnciase a “tentativa de dar aparencia de legalidade e institucionalizar as prácticas obstaculizadoras e escurantismo que veñen caracterizando a actuación do departamento de minas, recortando dereitos e liberdades fundamentais e saltándose a normativa básica en materia de acceso á información ambiental”.
Ángel Bernardo Tahoces foi recentemente imputado por presuntos delitos de prevaricación ambiental ligados á mina San Finx, en Lousame.