
Mercedes Peón consolídase como unha das figuras clave na vangarda da música galega. O seu último traballo, ‘Deixaas’, vén de ser nominado a mellor álbum europeo nos Songlines Music Awards, os premios da prestixiosa revista Songlines. Na mesma categoría compiten tamén a portuguesa Mariza, co seu traballo homónimo, o británico Sam Sweeney (The Unfinished Violin) e o grupo dinamarqués Dreamers’ Circus (‘Rooftop Sessions’). A artista gañadora darase a coñecer o 10 de maio.
‘Deixaas’ saíu á rúa o 27 de abril de 2018. É o seu agardadísimo quinto disco en solitario que chegaba oito anos despois do último, ‘SOS’. Neste novo traballo, Mercedes Peón racha todos os clichés e lévanos á evolución natural e contemporánea da súa música: mestizaxe entre industria e artesanía, vangarda e tradición entretecidas.