A XV edición do Premio José Couso, organizado polo Colexio Profesional de Xornalistas e Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, terá lugar este venres ás 17.45 horas. A premiada deste ano é Defende a Galega, o movemento de mobilización do cadro de persoal da CRTVG.
Os actos celebraranse no Concello de Ferrol. Intervirán Tati Moyano e Carlos Jiménez, en representación de Defende A Galega, nunha rolda de prensa no salón de recepcións do Concello a partir das 18:00 horas, onde estarán acompañados pola presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Xulia Díaz Sixto; o decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia Francisco X. González Sarria; e o alcalde do Concello de Ferrol, Jorge Suárez Fernández.
Ás 19:00 horas terá lugar a tradicional ofrenda floral na estatua ‘Ás Ceibes’, do escultor Manuel Patinha, no Cantón de Molíns onde a xornalista Sabela Direito será a encargada de ler un texto en nome da organización. Ás 19:30 horas dará comezo no Teatro Jofre o acto de entrega, que será presentado por Patricia Hermida, onde Moyano e Jiménez, en representación de Defende A Galega, recollerán o galardón e terán unhas palabras para o público presente. Ao remate, como cada ano, vai celebrarse a partir das 20:00 o Concerto da Liberdade, nesta ocasión a cargo do grupo Petit Swing.
Defende A Galega sumase así á lista de gañadores do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006); Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009); Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017) e Julia Otero (2018) foron ata agora as persoas galardoadas coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’.