O illamento forzoso dos milleiros de galegas e galegos por mor das accións políticas do Goberno central ante a expansión do COVID-19 ten unha incidencia directa na cotidianidade social. Neste sentido, vimos de facer unha recopilación dos últimos traballos realizados pola nosa equipa. Un deles xira, precisamente, arredor do sistema sanitario galego e das súas continuas privatizacións.
1. #TramaMedtronic. “O SERGAS salta a súa propia legalidade”
A Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS é un dos principais colectivos que denuncia a introdución da multinacional Medtronic no sistema sanitario galego. Un dos seus integrantes, Fernando Abraldes, protagoniza o primeiro capítulo que Nós Televisión lle dedica á #TramaMedtronic.
2. Retrincos: Luisa Lores
A defensa da sanidade pública é protagonista do novo programa de Retrincos da man de Luisa Lores que foi directora do Complexo Hospitalario de Pontevedra e é experta en procesos de privatización sanitaria e activista da Asociación Galega en Defensa da Sanidade Pública (AGDSP).
Para as que xa están fartas de afondar nos problemas estruturais do sistema sanitario galego, que evidencia a reacción de urxencia ante o coronavirus, traemos tamén contidos de carácter cultural con compromiso social.
3. Guadi Galego: “A arte ten que ser transformadora social, para min non hai outra opción”
Nunha aposta pola colectividade, Guadi Galego reinterpreta a súa música con artistas de diferentes culturas e linguas da Península parindo entre todas o disco ‘Inmersión‘. Falamos do proceso creativo, o brillo político do seu traballo e sobre como preparar o corpo para acoller este novo disco que converte as melodías en pontes de amor entre pobos.
4. “Na aldea nace todo”. Carmen Rey, a escritora que reivindica o rural e a vida das mulleres durante a guerra
Carmen Rey non é unha escritora convencional. Fóra de elitismos e cun gran apego polo pobo e o idioma, a autora de Mazaricos fica núa por dentro ante as cámaras de Nós Televisión.
5. O Garaxe Hermético, o valor do cómic galego
Pontevedra é a cidade galega do cómic. O historetista e ilustrador Kiko da Silva detectou unha eiva na formación en banda deseñada que “non se estaba impartindo como debería” polo que se decidiu a actuar e mudar o rumbo do cómic galego. En 2012 fundaba a primeira escola profesional de banda deseñada e ilustración de Galicia, o Garaxe Hermético.