As ONGD Igaxes e Agareso executan un proxecto para reclamar políticas e modelos de equidade educativa “que eviten que dous de cada tres rapaces en situación de vulnerabilidade abandonen os estudos prematuramente” e, en consecuencia, aumenten o seu risco de exclusión social. A campaña ‘De maior quero ser coma ti’ é parte do proxecto A Tribo, que ofreceu obradoiros de educomunicación nos instituos dos mozos e mozas.
O proxecto interpela directamente á comunidade educativa. Busca o fomento da equidade educativa e a loita contra a exclusión e a pobreza desde as aulas e tamén desde as institucións, ás que lles reclaman máis recursos. Un dato: só en Galicia, hai máis de 100.000 mozos e mozas en risco de exclusión.
Entre todas as partes involucradas no proxecto apóiase aos rapaces e rapazas a expresarse libremente con carteis, banners ou cuñas.
En definitiva, un proxecto contra a exclusión social no que elas e eles son protagonistas e aprenden a empregar unha cámara, pero sobre todo, unha escusa para montar a súa tribo.