En maio de 2019 celebraranse as eleccións ao Parlamento Europeo e, para Compromiso por Galicia, esta cita será un dos seus grandes retos de cara a un futuro próximo. A formación galeguista mantivo un encontro a pasada semana con dirixentes do PNV, co obxectivo de acudir xuntos aos comicios reeditando, deste xeito, a coalición do ano 2014. Naquela ocasión, galegos e vascos participaron nunha candidatura conxunta con Coalición Canaria e a antiga Convergència i Uniò.
O espírito do “Galeusca”
A coalición obtivo tres deputados: dous do partido catalá e outro do vasco. Porén, o secretario xeral de CxG, Juan Carlos Piñeiro, alaba o traballo dos seus compañeiros na Eurocámara e asegura que as propostas de Compromiso foron debatidas en Estrasburgo, polo que tentará manter esta unión de forzas nacionalistas do “Galeusca”.
A coalición é unha boa estratexia para tódalas comunidades históricas do Estado
A formación nacionalista terá na convocatoria de 2019 máis opcións de acadar representación parlamentaria, xa que, debido á saída do Reino Unido da Unión Europea, os seus escanos dividiranse entre os demais países membro e España contará con cinco cadeiras a maiores das 54 que posuía no 2014.
Proposta lexislativa
Neste senso, Piñeiro critica as declaracións da eurodeputada do BNG, Ana Miranda, asegurando que o seu escano é “o escano de Galiza”, xa que considera que a política do Bloque ten “menos peso” na Eurocámara que CxG por medio da súa coalición electoral. Asemade, indicou que a súa formación levará ao Parlamento galego unha iniciativa de lei para garantir a asistencia pediátrica no rural, ao tempo que lamenta que En Marea, PSOE e BNG non teñan “a mesma predisposición”.