
Visibilizar e internacionalizar a cultura galega é un dos principais obxectivos cos que nace o “Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural”, un ambicioso proxecto que pretende pór en valor iniciativas populares que constitúen un auténtico modelo a seguir no eido das industrias culturais.
“A creación dun Banco de Boas Prácticas para a Xestión Cultural pretende pór a disposición de xestores culturais, responsables de institucións culturais, cargos públicos con responsabilidades en políticas culturais, artistas, etc. exemplos inspiradores para poder traballar máis e mellor no ámbito cultural”
Un centenar de colectivos emprendedores promoven este manifesto que comprende “100 boas prácticas para unha boa xestión cultural”.
A vicepresidenta da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín, reiterou o “firme compromiso” do ente provincial con todas aquelas iniciativas que acheguen a cultura á cidadanía, un dereito “de todos e todas”. Sanmartín salientou a importancia de visibilizar o “magnífico traballo” que levan a cabo asociacións culturais e pequenas empresas como Numax, que ofreceu o seu local para a celebración do evento. Así e todo, instou a “crear sinerxias” entre elas, xa que “constitúen un atractivo turístico e un elemento económico substancial” para Galicia.
Valorizar o “importante traballo cultural” que se fai no noso país
Este proxecto tenta dar un primeiro paso cara á promoción e triunfo dos centos de iniciativas culturais que, froito da vontade popular, difunden a tradición galega por medio de pequenas empresas cooperativas.