Os partidos políticos en Galicia reaccionaron ao tradicional discurso do rei de Noiteboa, para moitos marcado polo ataque ao independentismo.

- Publicidade -

Un discurso “moi distante da realidade social galega”

Para os partidos nacionalistas o discurso estivo moi fóra da realidade social e das necesidades e desexos de Galicia. Néstor Rego, o deputado do BNG no Congreso, escribía no seu Twitter: “o discurso do Borbón reflectiu, máis un ano, esa visión uniformizadora do Estado español que nega a existencia doutros pobos e culturas diferentes da española; que nega a Galiza como nación e os nosos dereitos como povo e, por tanto, a posibilidades de avanzarmos en benestar”.

Pola súa banda, Anova aproveitaba o discurso para pedir “un proceso constituínte que abra paso á xustiza social e ás repúblicas”. Na súa conta, escribían: “O único que pedimos é que o discurso de Felipe VI sexa o derradeiro”, e adxuntaban unha foto do discurso, pero do revés.

Ademais, o Grupo Común da Esquerda facía fincapé en lamentar que o xefe do Estado decidira sumarse no seu discurso de Noiteboa “a unha única parte do país: aqueles que son constitucionalistas a tempo parcial, que usan a Constitución como arma política, pero esquécena para defender asuntos fundamentais como o emprego, o dereito á vivenda ou a igualdade entre homes e mulleres”.

“Manipulación” e “falta de valores”

Pola súa parte, Luís Villares, portavoz de En Marea, lamentaba tamén que “os verdadeiros valores de convivencia estivesen, unha vez máis, ausentes no discurso dun rei que solo está preocupado polo futuro do seu posto de traballo”.

Gonzalo Caballero, secretario xeral do PsdG, aproveitaba para arremetar contra o PP e o seu uso dos medios públicos. “O discurso de Nadal do xefe do estado ten relevancia política limitada. Algo gusta, algo non. Pero no informativo da Radio Galega das 19:00 só poñen a voz do PPdeG aproveitando para criticar a Pedro Sánchez. Terrible manipulación da CRTVG por Feijóo.”, escribía no seu Twitter.

Alberto Núñez Feijóo non comentou o discurso nas súas redes sociais, aínda que si fixo doce rechouchíos dos tweets da conta da Casa Real.

Miguel Tellado, secretario xeral do PPdeG, aproveitou para criticar por enésima vez unha suposta proximidade do PSOE ao independentismo catalán.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego