A Plataforma “Por un monte galego con futuro” denunciou a desidia da Xunta ao non adicar os esforzos necesarios na prevención de lumes ata o final do verán e critican a falta de participación das organizacións na elaboración das políticas forestais.
Este último tema foi especialmente criticado por Xosé Alfredo Pereira, da Organización Galega de Comunidades de Montes, que considera que o documento executivo de medidas contra o lume “avala a nefasta política de montes do Partido Popular.” Nas últimas xuntanzas do Consello Forestal de Galicia, o conselleiro do Medio Rural obviou as propostas das as organizacións, poñendo como escusa os ditames da Comisión Parlamentaria sobre os lumes como únicas propostas a considerar para o desenvolvemento de accións en materia forestal.
Xosé Santos, voceiro de Amigos da Terra, considera que a Xunta “aposta todo a unha carta: extinción, extinción e extinción. O mellor incendio é o que non se produce; hai que facer labores preventivas ao longo de todo o ano”. A presentación rematou cunha serie de propostas lidas por Belén Fernández, de ADEGA.
Participaron na presentación as organizacións Amigos da Terra, Adega, Sindicato Labrego Galego, Organización Galega de Comunidades de Montes, CIG, e Fruga.