A Coruña acollerá o I Congreso de Mercados Urbanos Sostibles

A iniciativa terá lugar os días 14 e 15 de decembro no mercado de San Agustín e nela participarán responsables de varios mercados de Galicia e o Estado e poderá seguirse por streaming

Cada vez teñen máis protagonismo os mercados de toda a vida no panorama das grandes vilas e cidades. A súa evolución e o novo papel que xogan logo da aparición das grandes superficies ben merece un tratamento aparte nas novas estratexias municipais. Coa idea de de coñecer, compartir e debater arredor dos distintos modelos de xestión de prazas de abastos a Concellaría de Emprego e Economía Social da Coruña que dirixe Alberto Lema presentou en rolda de prensa o I Congreso de Mercados Urbanos Sostibles que terá lugar os días 14 e 15 de decembro no mercado de San Agustín.

Alberto Lema presentou este encontro anunciando, tamén, que o vindeiro mes de xaneiro o concello contará cunha nova web de Mercados Municipais. Nas xornadas que terá lugar esta semana abordaranse, a través de mesas redondas, a situación actual das prazas desde o punto de vista dos responsables políticos e técnicos, así como das asociacións de praceiras e praceiros, ou desde unha perspectiva gastronómica e turística.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

Programa con xestores públicos e técnicos

Marta Lois, concelleira de turismo de Compostela tamén participará

O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, inaugurará as xornadas o xoves 14, ás 16 h. Logo terá lugar a mesa redonda “Estratexias de mercados” na que se debaterán os valores transversais dos mercados urbanos en relación co turismo. Nela participarán o propio Alberto Lema, a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; a edil de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois; o xerente de Turismo, Comercio e Mercados de Barcelona, Sergi Marí; a tenente alcalde de Lugo, Rosana Rielo; e a responsable de Promoción da Cidade, Urbanismo e Mercado de Pontevedra, Anabel Gulías.

O evento tamén poderá seguirse en streaming

No segundo parladoiro abordarase a xestión de mercados desde o punto de vista técnico coa participación da xefa de servizo da área de Economía Social e Emprego do Concello da Coruña, o persoal xerente do Mercado Central de Valencia, do Mercado La Cebada de Madrid, e o Mercado de Abastos de Ourense.

A segunda xornada, o venres 15, comezará ás 9 h., falando dos activos dos mercados e o rol das asociacións de praceiras e praceiros, a través dun encontro no que participarán representantes dos colectivos Asociación Praceiras San Agustín, Asociación de Vendedores do Mercado de Elviña, Mercado Travesas de Vigo, ou Associación de Comerciantes dos Mercados de Lisboa. As xornadas rematarán cun parladoiro ao redor do papel dos mercados como ferramentas de turismo alternativo, desde a perspectiva de escaparate de innovación cidadá, da gastronomía de mercados e a aposta por novas e novos creadores.

Inscrición

A inscrición é gratuíta e pódese realizar na web www.mercadosurbanosacoruna.com, plataforma que tamén retransmitirá en streaming o desenvolvemento do congreso.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -