Home Programas Espazo Aberto Coronavirus ou capitalismo?

Coronavirus ou capitalismo?

0
Coronavirus ou capitalismo?

“A pandemia do coronavirus está demostrando que o modelo asistencial e as políticas de austeridade e de eficiencia aplicadas, non só fracasaron senón que ademais están tendo un custe en vidas humanas”. Así de contundente se amosa o presidente da Asociación de Usuarios e Pacientes do Complexo Hospitalarios Universitario de Santiago de Compostela, Fernando Abraldes. A expansión do coronavirus evidencia as estruturas públicas coas que un goberno pode facer fronte a unha ameaza e cales ocupan unha función puramente de lucro. Con isto, cal está a ser o problema central: o coronavirus ou o capitalismo?

As necesidades humanas como negocio

Nas últimas horas, o Goberno galego decretou unha serie de medidas co obxetivo de frear a expansión do coronavirus entre a poboación. Entre elas, figura o peche de todos os centros educativos a partir do luns, 16 de marzo. Pero, quen quedará coas crianzas? O Executivo de Alberto Núñez Feijóo non desenvolveu ningún tipo de medida destinada ao coidado das persoas tal e como denuncian todos os sindicatos. A Central Unitaria de Traballadoras (CUT) vén de comunicarlles á Confederación de Empresarios Galegos (CEG)  e á Xunta que “deben permitir, favorecer e remuner as ausencias ao traballo daquelas persoas traballadoras que non teñan máis remedio que asumir persoalmente as tarefas de coidados doutras que teñan ao seu cargo” amparándose no Estatuto das Traballadoras.

Dende a Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS destacan que “no marco dunha sociedade baseada na competencia e na obtención de rendibilidade as necesidades das persoas pasaron de ser un ben a protexer a ser o obxecto do negocio xurídico privado. Este xeito de cubrir necesidades penetrou todas as esferas da sociedade da man das multinacionais e hoxe, ca colaboración imprescindible dos directivos e responsables sanitarios, está asentado no sistema público de saúde marcando prioridades orzamentarias, vías de investigación, preferencias asistenciais, tecnoloxía aplicada, atención remota e o desenvolvemento de técnicas e protocolos clínicos cun alto valor engadido en tecnoloxía e mais rendibles empresarialmente”.

“Neste modelo os plans de saúde pública e as medidas de prevención das enfermades están destinadas a desaparecer”, sostén Fernando Abraldes

“Neste modelo os plans de saúde pública e as medidas de prevención das enfermades están destinadas a desaparecer”, continúa desenvolvendo Fernando Abraldes. “O sistema hospitalocéntrico que hoxe temos que financiar entre todos está deseñado baixo a estratexia de curar en lugar de previr. Unha estratexia que xera grandes plusvalías privadas, que crea bolsas cada vez mais importantes de negocio e que deixa tras de sí listas de espera inaceptables nun estado de dereito, servizos sanitarios básicos mal dotados de medios materiais e humanos, falecementos por falta de atención no momento requirido, discriminación por razón da enfermidade ou de residencia e vulneración de dereitos fundamentais e abandono asistencial”.

Que pasará despois?

“Curiosamente, unha crise humanitaria de tal calado volverá a ser unha oportunidade de negocia para catro multinacionais. Pensamos que neste contexto, non só hai que poñer fin definitivamente e durante as xeracións vindeiras ás políticas de austeridade, senón que se deben cambiar as regras de xogo que permiten que o privado sega facendo negocio ca nosa saúde. O ámbito sanitario debe estar vedado aos operados económicos. Debe ser unha esfera no que só caiba o público e no que se desenvolvan todas as capacidades técnicos e produtivas para impoñer un modelo baseado na atención universal das persoas e na planificación colectiva dos modelos de prevención, altamente rendibles en benestar humano”, sosteñen dende a Asociación de Usuarios e Pacientes do CHUS.