Home Espazo Aberto Cultura Corentena Producións anuncia a primeira webserie feminista en galego, ‘Monstras’

Corentena Producións anuncia a primeira webserie feminista en galego, ‘Monstras’

0
Corentena Producións anuncia a primeira webserie feminista en galego, ‘Monstras’

A primeira webserie feminista de ficción e en galego xa ten nome: ‘Monstras’. Producida por Corentena Producións, e un equipo formado integramente por mulleres, a webserie sairá a luz no mes de novembro. Ata o de agora, pouco se coñece sobre o seu fío argumental: “Catro mozas chegan de madrugada á casa da amiga dunha delas: aconteceu algo do que non poden falar“.

Dende onte, Corentena Producións lanzou unha campaña de financiamento colectivo co obxectivo de contar con maiores e mellores recursos á hora de gravar e producir a serie, un labor que realizarán entre os meses de outubro e novembro.

A guionista e directora Eire García, a directora artística Miriam Carril, as actrices Mariña López, Patricia Torres, Alex Rei e Paloma Saavedra ou a fotógrada Beatriz Saiáns son algúns dos nomes que compoñen o elenco desta webserie. Corentena Producións aparece a finais do ano 2018 cun equipo de mulleres que xa participaran e foran autoras de traballos como ‘Azul Eléctrico’ (2016), Trioloxía da Riva Vol. 1 A Dor (2018) e As Mulleres Salvaxes (2019).