Sada Feminista convoca unha asemblea aberta este venres ás 20 horas na Capela de San Roque para constituír un colectivo feminista no concello. O cartaz divulgativo da asemblea anuncia o obxetivo “para tecer redes de confianza e crear espazos seguros”.
No evento que se está divulgando nas redes sociais explican:”Queremos organizarnos para defender as nosas vidas. Para denunciar cada unha das violencias que vivimos. Para debater e formarnos. Para tecer redes de confianza e crear espazos seguros. Para perder o medo e non sentirnos soas. A autoorganización das mulleres é chave na loita contra o machismo, e isto ten que facerse en cada cidade, vila, barrio, aldea.
Por iso convocamos unha asemblea aberta a todas as mulleres que queiran achegarse, para debatermos en conxunto sobre o que nos apetece facer, cales son as nosas problemáticas, onde queremos pór o foco, cal é a forma organizativa que mellor encaixa coas nosas formas de pensar e as nosas formas de vida… Para falarmos entre todas, en definitiva, de todo aquilo que nos atravesa e ao que queremos darlle resposta. O próximo 20 de decembro, ás 20h na Capela de San Roque, asemblea feminista. Esperámosvos!”