A vintena de colectivos agrupados na rede ContraMINAcción acaban de denunciar que os informes elaborados pola Dirección Xeral de Enerxía e Minas e un equipo da Universidade de Santiago, baixo a dirección de Felipe Macías, con respecto á reapertura da mina de San Finx, en Lousame, están baseados na manipulación e no plaxio. Os colectivos consideran que o obxectivo é “omitir a responsabilidade da empresa en relación aos impactos ambientais causados pola mina no pasado e no presente e, ao mesmo tempo, da administración, que os debería ter evitado”.
Informes
O primeiro dos informes asinados polo profesor xubilado Felipe Macías Vázquez, o fillo deste Felipe Macías García e outros colaboradores está “repleto de plaxios de traballos doutros autores, que se manipulan sen pudor, e mesmo parágrafos enteiros copiados sen citación de blogs anónimos de Internet”, sinalan dende ContraMINAcción. “O informe fabrica sen calquera base un suposto fondo natural de metais para os principais metais contaminantes que verte a mina (cadmio, cobre e cinc) e aínda recorre a fenicios, romanos, ‘picheleiros’ e ao mesmo Almanzor para repartir culpas”.
Dous informes de réplica encomendados pola Alcaldía do Concello de Muros e a Asociación Verdegaia, e que agora se fan públicos, puxeron en evidencia “os extensos plaxios, carencia absoluta de metodoloxía e graves manipulacións” de datos no informe entregado á empresa por Felipe Macías. Entre os textos plaxiados encóntrase un blog anónimo de Internet e un traballo presentado polo que foi director da mina nun congreso da Universidade Politécnica de Madrid.
Un primeiro informe de réplica realizado por sete técnicos, incluíndo o Doutor en Xeofísica Steven H. Emerman, que esta mesma semana realizou unha nova inspección da mina San Finx, desmontou a tese dun suposto fondo natural de metais explicando os impactos actuais da minería. Un segundo informe de réplica, realizado polo Doutor en Arqueoloxía e Historia Antiga André Pena, ocupouse de mostrar non só a mofa que representan os argumentos “históricos” presentados por Macías, senón o modo en que estes foron abertamente plaxiados de distintas fontes.
Dende a rede de colectivos explican que “a gravidade dos feitos, non só desde o punto de vista da ética científica, senón tamén pola gravidade das implicacións ambientais e penais que suporía aceptar as teses deitadas por Macías”. Por isto, decidiron demandar á Universidade de Santiago que retire a condición de profesor emérito a Felipe Macías e revise a relación contractual coas restantes persoas responsables do informe, no suposto que teñan algunha: Carmen Nieto Olano, Ramón Verde Vilanova, Carmen Pérez Llaguno, Felipe Macías García (fillo do profesor Felipe Macías), Luis Tapia del Río e David Romero Chouzas. Na medida en que Felipe Macías Vázquez tamén asina os informes como membro da Academia Francesa de Agricultura, demandarán igualmente a esta institución a súa expulsión.
Para saber máis: San Finx 1960
Este documentario, realizado por Irene Pin, é un traballo pioneiro de investigación audiovisual que se adentra no inexplorado campo da memoria histórica ambiental, poñendo no foco a ocultación durante décadas das consecuencias e implicacións ambientais de industrias como a mineira.