Continúa a estratexia dilatoria da familia Franco

Sen probas sobre a súa titularidade das estatuas do Mestre Mateo, a defensa xurídica da familia franco céntrase exclusivamente no "paso do tempo"

© Concello de Santiago

Visto para sentenza. Comezou na mañá de hoxe, en Madrid, o xuízo contra a familia Franco pola titularidade das estatutuas do Mestre Mateo usurpadas durante a ditadura. O proceso xudicial impulsado polo Concello de Santiago comezou hoxe tralas estratexias dilatorias impulsadas polos servizos xurídicos contratados polos familiares do ditador. A vista celebrada esta mañá no Xulgado de Primeira Instancia número 41 de Madrid derívase da demanda que o Concello interpuxo contra os herdeiros do ditador en outubro de 2017, tras recompilar a documentación que demostra que as dúas figuras son propiedade municipal.

O avogado contratado polos Franco defendeu durante esta mañá que a familia é a ”propietaria” das esculturas malia non poder ofrecer ningún documento que acredite tal cousa. non achega documento ningún que o acredite. O paso do tempo e a posible prescripción do tempo é o principal elemento esgrimido pola familia para “demostrar” a súa titularidade das famosas esculturas. Os servizos xurídicos do Concello de Santiago amosaron, por outra banda, que ante uns feitos tan “sigulares” non debera existir “prescripción posible”.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -

O paso do tempo

Como acontecera na vista previa celebrada en novembro de 2018, a familia Franco baseou a súa defensa na prescrición, porque entenden que as estatuas do Mestre Mateo lles pertencen despois do tempo transcorrido no seu poder. Ademais, a representación legal do Concello tamén achegou a famosa documentación notarial de finais dos anos corenta. “Temos a escritura notarial de xuño de 1948, un documento público asinado polo daquela alcalde e o conde de Ximonde, así como documentación anterior con informes periciais” afirmaron os servizos xurídicos do concello á saída do xuízo.

En Madrid tamén estivo o alcalde de Santiago, que reiterou novamente que está “demostrada” a titularidade municipal destas dúas pezas e defendeu a “impecable e intensa” defensa xurídica para desmontar as estratexias da familia Franco. “As razóns xurídicas da familia están amparando os privilexios dunha familia que se beneficiou dun contexto de ditadura” engadiu Noriega á saída dos xulgados. Ademais, para o rexedor compostelán, o ditame final do xuízo podería recuperar algo máis cas obras do Mestre Mateo. O alcalde reiterou que este procedemento podería crear xurisprudencia de cara a outros bens que conseguiu Franco e a súa familia de maneira irregular e que, por este mesmo motivo, existe preocupación ante este novidoso procedemento xurídico.

As estatuas

As estatuas de Abraham e Isaac formaban parte orixinalmente do Pórtico da Gloria, pero foron retiradas nalgunha das reformas ás que foi sometida a fachada da Catedral de Santiago. As pezas do Mestre Mateo acabaron nas mans do Conde de Ximonde, que llas vendeu ao Concello compostelán en 1948, segundo figura nun documento notarial de compravenda. Dende entón estiveron instaladas nunhas escaleiras do Pazo de Raxoi. Crese que Francisco Franco e Carmen Polo viron as pezas nunha visita a Santiago en 1954, e foi entón cando se fixeron con elas.

- Publicidade -
- Publicidade -
- Publicidade -