O PSdeG e o BNG volverá cogobernar a Deputación de Pontevedra que quedaba constituida este mércores. A presidencia continuará de nova na socialista Carmela Silva, que xa estaba asegurada dada a maioría case absoluta do PSdeG no ente provincial, xunto César Mosquera, do BNG, que continuará na vicepresidencia.

Na sesión de constitución deste ente provincial, visibilizáronse as críticas do BNG con respecto á existencia das Deputacións. O nacionalista César Mosquera expuxo que “cada cidadán, un voto e aquí iso é falso” xa que non foron escollidos directamente pola xente, unha razón que para Mosquera debe levalos a ser “intrínsicamente humildes”. Apelou ademais a un goberno con fondo contacto cos concellos e de xestión “rápida” e “eficaz”.

“As mulleres somos o 52 por cento da poboación e unha forza imprescindible para constituír unha sociedade”

Pola súa parte, a socialista Carmela Silva apostou por un discurso no que evitou “confrontamentos” para apostar por “compromisos” e “acordos que beneficien ás veciñas e veciños”. “Os datos falan, os feitos falan”, sostivo Silva apelando aos resultados do PSOE no 26 de maio. “As mulleres somos o 52 por cento da poboación e unha forza imprescindible para constituír unha sociedade” e “por iso non permitiremos un paso atrás na loita das mulleres”, sostivo Carmela Silva colocando as políticas de Igualdade como un eixo fundamental do próximo goberno provincial. Deste xeito, comprometeuse a incrementar as políticas de Igualdade como “eixo transversal e prioritario” para ser referencia no ámbito non só galego senón tamén estatal. Especial mención tamén ao movemento LGTBIQ e á cohesión social, facendo fincapé nas persoas con diversidades funcionais. Carmela Silva comprometeuse tamén a pular por políticas contra o despoboamento e a adoptar novas liñas de acción coa mocidade e as persoas máis maiores.

A Axenda Medioambiental tamén se colocou como unha das prioridades desta Deputación que se gabou de proxectos como o programa de compostaxe ou a diminución do tráfico realizados no anterior mandato. Afondar na innovación e ser un destino internacional, sen destruir os recursos, ou un modelo económico en acordo coas liñas deseñadas dende a ONU foi outros dos puntos apelados pola xa presidenta da Deputación de Pontevedra.

Acordo PSdeG – BNG

Co acordo, as vinte áreas nas que se divide a xestión da entidade provincial, 12 irán para os osicalistas e 8 para o BNG. O PSdeG quedará con cultura, cooperación cos concellos, dotacións educativas e investigación, cohesión social e mocidade, igualdade, deportes, infraestruturas e vías provinciais, turismo, emprego, promoción económica e proxectos europeos, réxime interior, economía, facenda e novas tecnoloxías, asistencia intermunicipal, arquitectura e ORAL, xunto medio ambiente

O BNG estará a fronte de 8 áreas. Xestionará o Museo de Pontevedra, os fondos documentais e bibliográficos do Arquivo provincial, patrimonio material, normalización lingüística e servizos lingüísticos, mobilidade alternativa e espazos públicos, residuos, cooperación transfronteiriza e a Agrupación Europea de Cooperación Transfronteiriza (AECT) Río Miño.

- Publicidade -