O concelleiro de Espazos Cidadáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, explicou en rolda de prensa que os representantes de colectivos veciñais, empresariais e de comerciantes, así como dos grupos políticos, acadaron o consenso no Pacto Local pola Mobilidade. O pacto terá que ter unha aprobación por unanimidade no Pleno e os obxectivos serán principalmente dous: a revisión das liñas de transporte e a revisión do Plan de Mobilidade Urbana sostible.
Mellorar a calidade de vida das persoas como prioridade
Jorge Duarte indicou que no Pacto cámbiase a escala de prioridades co obxectivo de mellorar a calidade de vida da cidadanía e a recuperación do espazo público para os usos de convivencia. Unha das liñas do Pacto está relacionada coa circulación e o estacionamento. O que se pretende é un equilibrio do vehículo privado na cidade de Compostela.
Outro dos eixos xira arredor dos modos brandos de transporte, é dicir, dos desprazamentos peonís e as bicicletas, que deben primar sobre os modos convencionais. Por outra banda, neste Pacto recóllese tamén o transporte colectivo. O que se pretende é incorporar a necesidade dunha rede de transporte de calidade, apostando por este como mellor opción.
Este Pacto é o resultado dun proceso de consulta de participación cidadá a través do sitio web aloxado no portal municipal e das reunións con diversas entidades e expertos celebradas ao longo deste ano. Nos tres plenarios celebrados participaron asociacións veciñais da cidade, representantes de colexios profesionais, asociacións de comerciantes, colectivos de ciclistas, asociacións de taxistas e os partidos políticos municipais.