A Plataforma Feminista Galega convoca para este luns en diferentes vilas do país concentracións en apoio á sobrevivinte da “manada de Manresa”. A menor, que denunciou por violación a sete homes, é unha “vítima máis á que un fiscal volve poñer en dúbida ao entender que se debería ter resistido e polo tanto poñer en risco a súa vida para considerar que o que ela sufriu é unha violación”, sosteñen dende o colectivo.
“Cantas violacións máis deben ocorrer para que o sistema xudicial entenda o que supoñen para unha muller estes terribles feitos e deixen de xulgarnos ás sobrevivintes?”. A PFG esixe o fin da cultura da violación e envía unha mensaxe de apoio á sobrevivinte, “crémoste e sairemos á rúa a pelexar por que se faga xustiza para ti e para todas”. Para ver as convocatorias podes acceder á seguinte páxina web.