Home Programas Espazo Aberto As dúas Kellys despedidas no hotel Puerta del Camino erguen a voz: “Despedíronnos con mentiras”

As dúas Kellys despedidas no hotel Puerta del Camino erguen a voz: “Despedíronnos con mentiras”

0
As dúas Kellys despedidas no hotel Puerta del Camino erguen a voz: “Despedíronnos con mentiras”

“Facemos pública a situación que se vive no Hotel Oca Puerta del Camino de Santiago de Compostela e que supuxo o despido de dúas das nosas compañeiras”, enunciaba un dos panfletos que circulaban na concentración organizada este xoves polos sindicatos e as Kellys ante este establecemento hoteleiro ubicado en San Lázaro. As dúas traballadoras despedidas contan ante as cámaras de Nós Televisión a violencia que sufriron nos seus postos de traballo ata o momento do seu despedimento.

“O comité de empresa comunicou ao hotel a súa disconformidade cos despedimentos, considerándoos improcedentes e púxose en coñecemento do mesmo a situación de acoso e maltrato que viven as camareiras de pisos por parte da xefa de departamento, quen ameaza, menosprecia, discrimina… o cal fai que estas traballadoras realicen o seu traballo con medo, sufrindo cadros de ansiedade e depresión por riba do xa de por si traballo físico extenuante. A empresa ampara estes comportamentos, propiciando un ambiente hostil, que pon en risco a saúde e seguridade das traballadoras do departamento de pisos”, continúa salientando o texto baixo o título “Readmisión camareiras de pisos xa!“.

Na concentración, as Kellys-Galicia denunciaban que este non é un caso illado e destacaban a necesidade de permanecer unidas e en loita. “As Kellys o gran problema que temos é a carga de traballo”, destacaba Isabel Montenegro.