Este ano o alumeado de Nadal adiántase. A Xunta de Goberno aprobou hoxe o inicio de licitación do subministro de instalacións eléctricas temporais para alumeados festivos das rúas, prazas e espazos públicos do Casco Histórico, Ensanche e parroquias de Santiago de Compostela durante as festas de Nadal 2017 e 2018.
Anunciouno o concelleiro Xan Duro na rolda de prensa posterior á xunta de goberno e explicou que a licitación terá un carácter bi-anual (incluíndo o 2017 e o 2018) e na que se primará a cuestión artística e decorativa das ofertas sobre o aspecto meramente económico.
Outros asuntos
Outro dos temas aprobados hoxe foi a licitación para a renovación da área de xogos infantil do parque Pablo Iglesias, no barrio de Guadalupe.
Ademais iniciarase a Fase II de renovación do alumeado público que permitirá colocar 1.189 novas luminarias en Compostela. Este proxecto vai con cargo á subvención concedida ao Concello polo IDAE e que ascende a 1,5 millóns de euros. As rúas e avenidas que entrarán nesta fase son Clara Campoamor, Hórreo, avenida de Lugo, Gonzalo Torrente Ballester, Camilo José Cela, Santiago de Cuba, Virxe de Fátima, estrada de Ourense, costa de San Marcos e SC-21.