Máis de setenta sinais identificarán as árbores máis emblemáticas da Alameda. O Concello promove unha novidosa rede de sinalización que permitirá ás e ós visitantes do parque compostelá coñecer a fondo as especies que o conforman. Os sinais teñen un panel que recolle o seu nome científico, a súa denominación en galego, castelán e braille, e un código QR que permite ampliar coñecementos a través do portal compostelaverde.santiagodecompostela.gal.
Esta iniciativa xurdiu da vontade de colaboración entre o consistorio, a empresa madeireira ‘FINSA’ e a Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da Universidade de Santiago. O obxectivo principal desta entidade impulsora do proxecto era “transmitir os coñecementos da Universidade” ó conxunto da sociedade, para que toda a cidadanía poida apreciar e pór en valor o “marabilloso” patrimonio botánico da Alameda.
Dentro do amplo catálogo de especies que constitúen o emblemático parque, cómpre salientar exemplares únicos como os centenarios eucaliptos do Paseo dos Leóns ou as cinco árbores que forman parte do listado de senlleiras de Galicia.