Dende o vindeiro mes de xullo, o aeroporto de Santiago contará cunha “moderna” e “innovadora” Oficina de Turismo rexentada pola Xunta e o Concello, co obxectivo de proxectar o “enorme potencial” de Galicia en xeral e a súa capital en particular. No acto de presentación estiveron este mércores a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a concelleira de Turismo de Santiago, Marta Lois, quen salientaron a importancia de atraer ás e os viaxeiros de todo o mundo.
Este proxecto é froito da colaboración entre ambas administracións coa entidade reguladora do aeroporto, Aena, que cedeu un espazo de 100 metros cadrados na zona de “Chegadas” para construír a devandita oficina. Para o seu presidente, Jaime García-Legaz, este é un paso “moi importante” para potenciar a chegada de turistas.
Por outra banda, García-Legaz informou de que se instalará, nas vindeiras semanas, un novidoso sistema de seguridade no aeroporto que o converterá en “pioneiro” na rede aeronáutica de todo o Estado.