A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois, asinou, xunto co director xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta, José Alfonso Marnotes, o convenio para a acreditación da formación impartida no marco do programa municipal ‘Mocidade con emprego’.
Este plan municipal de emprego xuvenil recibirá unha achega superior ao millón e medio de euros, cofinanciada polo Fondo Social Europeo, e axudará a 323 mozos e mozas de Compostela de entre 16 e 30 anos a integrarse no mercado laboral dun xeito máis efectivo.
Cada participante obterá unha formación profesional específica, correspondente aos respectivos certificados de profesionalidade que expide a Xunta, así como formación transversal en fomento das novas tecnoloxías, fomento da igualdade e formación en idiomas. Asemade, as alumnas e alumnos poderán cursar prácticas profesionais non laborais en empresas durante a etapa formativa.