Home Programas Área Compostela Concello, Deputación e Xunta acordan comarcalizar o Parque de Bombeiros

Concello, Deputación e Xunta acordan comarcalizar o Parque de Bombeiros

0
Concello, Deputación e Xunta acordan comarcalizar o Parque de Bombeiros

Importante avance na comarcalización do Parque de Bombeiros de Compostela. O alcalde da cidade, Martiño Noriega, selou este luns un principio de acordo co vicepresidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, para seguir adiante co proceso. As tres institucións comprométense a asinar o convenio definitivo ao longo deste ano.

Principio de acordo

Nunha xuntanza celebrada na Vicepresidencia da Xunta, os tres líderes acordaron cumprir cunha “demanda histórica” da cidadanía que permita mellorar a prestación do servizo en Santiago e a súa área de influencia. Martiño Noriega valorou a produtividade desta reunión para seguir avanzando co proceso, mais lembrou que aínda é preciso “negociar cos concellos implicados” atendendo ás súas necesidades, así como aumentar o número de efectivos en plantilla.

Unha cuestión de “vontade política”

A día de hoxe, a cidade presta o servizo con 44 bombeiros “malia ter capacidade para outros 20”, indicou o alcalde, salientando que para un parque comarcal precisaríanse arredor de 90, posto que se atendería a preto de 200.000 persoas, pertencentes ós concellos de Santiago, Ames, Boqueixón, O Pino, Oroso, Teo, Trazo e Vedra. Deste xeito, quedaría garantida a atención de calquera incidencia que se producise “sen rebasar a marxe de resposta de 20 minutos”. Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta indicou que superar este obstáculo é “cuestión de vontade política”.

Alfonso Rueda valorou que “despois de moitos anos falando da comarcalización do parque de bombeiros, nunca estivo tan cerca coma hoxe”, agradecendo ó Concello a súa “solidariedade” ao pretender “facer comarca” malia ter garantida a prestación do servizo na capital galega. Así e todo, o presidente da Deputación lembrou que este proxecto era preciso para resolver unha “gran zona de sombra” na cobertura de emerxencias da provincia. O seguinte paso, cuxa data fica aínda por definir, será a sinatura do convenio final para efectuar a comarcalización.