Hoxe entrou en vigor a nova Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello da Coruña, aprobada definitivamente pola Xunta de Goberno Local a semana pasada. A nova estrutura aumenta o número de postos de traballo que pode asumir esta institución, un 7% máis dos que tiña a antiga estrutura organizativa levada a cabo polo anterior executivo local en 2013 que se establecía en 1.999 prazas.
Eugenia Vieito: “É necesario que o estado deixe de asfixiar aos concellos”
Eugenia Vieito, concelleira de Facenda, explica este aumento como una necesidade urxente para o bo funcionamento do concello e non esqueceu transmitir ao goberno central o seu papel coa polémica lei que impide a contratación. “O Concello pode asumir esas prazas, non obstante, é preciso que o goberno do Estado deixe de asfixiar ás administracións, especialmente ás municipais, con políticas austericidas“, sinalou aos medios de comunicación.
A nova RPT foi negociada durante estes meses con sindicatos e representantes dos e das traballadoras. Para a concelleira de Facenda esta reforma “amplía as expectativas tanto no que atinxe á cobertura de prazas, como en posibilidades de promoción interna”. A información sobre a nova RPT pode ser consultada por calquera traballador ou traballadora municipal ao estar colgada nunha plataforma de información municipal de uso interno. Por outra banda, a documentación esencial figura na web municipal de transparencia de cara a facilitar o acceso á información a toda a poboación.