As previsións climatolóxicas intúen unha noite de baixas temperaturas e posibles xeadas e nevaradas. En consecuencia, Raxoi decidiu activar o “dispositivo especial de seguridade” para atender as emerxencias que puidesen acontecer. O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, anunciou que se aumentará o número de efectivos de Protección Civil e da Policía Local.
Pola súa banda, as empresas concesionarias do Concello permanecerán operativas toda a noite para atender “eventuais problemas” nos servizos de limpeza, parques, xardíns e mantemento da rede viaria. Así e todo, disporanse 7.000 quilos de sal que, de ser preciso, botaríanse sobre as estradas compostelás para garantir a seguridade dos vehículos que as transiten.