Home Programas Espazo Aberto Compromiso desde Arxentina contra a mina de Touro-O Pino

Compromiso desde Arxentina contra a mina de Touro-O Pino

Compromiso desde Arxentina contra a mina de Touro-O Pino
A sede da Federación de asociacións galegas na República Arxentina (IC)

A diáspora galega na Arxentina segue interesada polo que ocorre no noso país. O vindeiro 26 de maio ás 19 horas preséntase en Bos Aires na sede da Federación de Asociacións galegas da República Arxentina (rúa Chacabuco 955) o documental de Nós Televisión Touro, O Pino. A ameaza do cobre dirixido por Xosé Bocixa.

Unha entidade comprometida

“Trátase dun paso máis no noso compromiso coa realidade galega e coa necesidade de difundir o que está a ocorrer no rural galego ante unha sociedade coma a arxentina”, explica a Nós televisión o presidente desta entidade, Diego Martinez Duro, que salienta que Arxentina “aínda ten moitos lazos afectivos e xenéticos con Galicia, e que se interesa por todo o que alí ocorre”.

Do Prestige á mina de Touro-O Pino

A Federación de Asociacións galegas da República Arxentina é a entidade máis activa dese país. Diego Martínez lembra que “dende a Federación xa apoiamos e difundimos outros documentais de reivindicación social como, no seu momento, os que tiñan que ver coa catástrofe do ‘Prestige’ ou coa masiva plantación de especies non autóctonas, coma os eucaliptos, nos montes galegos, desencadeando nas gravisimas vagas de lume que vimos o último verán”.

O noso documental sobre a Mina de Touro chega a Arxentina

O presidente desta entidade asegura que “estamos moi concienciados coa protección do medioambiente, especialmente dos poderes empresarios que se ven protexidos por amiguismos políticos e actúan con impunidade ante o benestar social e medioambiental”.

Non podemos ficar parados ante esta barbarie

En relación ao documental que se presentará en Bos Aires Diego Martínez afirma que “como institución galega do exterior non podemos quedar parados ante a barbarie que planean para Touro e O Pino”.