“Cómpre recuperar o que había aquí, a cidade e o que somos”

Quedamos na Praza da Fariña con Iván Méndez, investigador que afondou na toponimia tradicional da Coruña.

Praza da Fariña, Campo da Leña, As Cernadas, A Ramalleira, O Regueiro… A investigación de Iván Méndez publicada pola Real Academia Galega sinala un “declive” da toponimia da Coruña pola expansión da cidade e o desexo de honrar persoeiros ilustres, que levaron consigo a perda dunha toponimia vizosa e da memoria deses lugares. As rúas honoríficas comezaron a popularizarse a principios do XIX, e ata hoxe. Un dato: En 1832, catro de cada cinco rúas eran toponímicas (nomes de lugares e descricións) e só unha honorífica. Hoxe só unha de cada catro rúas da cidade conservan os topónimos tradicionais.

A escolla para elixir a quen honrar cunha rúa ten tamén as súas consecuencias, xa que como explica Iván Méndez, constrúen un imaxinario determinado polo contexto da súa época. Por exemplo, abundan nomes de homes (máis de 400 por unhas 30 de mulleres) e perpetúan un imaxinario fascista onde non chega a Lei de Memoria Histórica. Afondamos nestas cuestións con Méndez nesta entrevista:

Tamén nos explica a orixe dos nomes dalgunhas rúas da Coruña, como a Rúa Cuba ou a Rúa Tren e explica como o chamado ‘desarrollismo’ levou consigo o borrado de topónimos de toda a vida, como O Curro, O Fondal, As Medoñas, O Regueiro, A Infesta e moitos outros, enterrados e esquecidos coa construción do Polígono da Grela: “Onde agora hai naves industriais había aldeas e lugares coas súas historias e tradicións, e non se fixo nada para recuperalas.”