O Concello de Santiago vén de remitir un comunicado no que informa que amosou a súa vontade en participar na acollida ás persoas que viaxan a bordo do buque Aquarius. O Goberno local remitirá nas vindeiras horas á FEMP un informe sobre as medidas habitacionais e non habitacionais coas que Compostela pode colaborar nese dispositivo.
O Goberno local responde así ás comunicacións remitidas ao longo do día de hoxe pola Federación Española de Municipios e Provincias, solicitando a cooperación dos concellos no dispositivo que coordinará, a través da Oficina Municipal de Axuda ao Refuxiado, a petición da Vicepresidencia do Goberno de España.