Máis dun século e medio despois, a capital de Galicia revivirá un dos eventos máis transcendentes da súa historia: o Banquete de Conxo. Naquel xantar popular coincidiron as figuras máis destacadas do movemento cultural galego que se desenvolveu a través do século XIX.
Un xantar popular caracterizado polo seu carácter “progresista, demócrata e subversivo”
O 2 de marzo de 1856, citouse baixo a carballeira do barrio compostelán —daquela Concello independente— un grupo de estudantes universitarios entre os que se atopaban persoeiros salientábeis da cultura galega coma Eduardo Pondal, Luís Rodríguez Seoane ou Manuel Murguía e, segundo relatan as xentes do lugar, podería ter asistido Rosalía de Castro. Os alí presentes, tal e como lembra o alcalde Martiño Noriega, convidaron a obreiros e artesáns da comarca a un xantar no que houbo proclamas “progresistas, demócratas e subversivas”, causando certo malestar entre as elites da época.
Berce do Rexurdimento galego
Aquel encontro foi unha das sementes do Rexurdimento da cultura do país e o berce do futuro movemento nacionalista. Emporiso, o Concello tenta conectar á cidadanía coa paraxe natural da carballeira de Conxo, que está a ser rehabilitada nestes intres. Durante o mes de marzo desenvolveranse numerosas actividades vencelladas a este evento, cuxa celebración oficial será a fin de semana do 21 e o 22 de abril. A arela de Noriega é “consolidar” esta cita no calendario compostelán.
Dentro do abano de actividades que se celebrarán nestas datas, cómpre salientar as dúas visitas guiadas á carballeira que o xornalista Henrique Alvarellos dirixirá o sábado e o domingo, co fin de pór en valor a “importancia histórica” desta cita. A mestra e activista Marisa Álvarez, veciña de Conxo, será a encargada de ler o pregón o domingo ás 12.45 horas.