
Case medio século despois da Revolta de Stonewall e malia os grandes avances logrados durante este tempo, aínda queda moito traballo por diante para acadar a igualdade real e garantir os dereitos e liberdades do colectivo LGTBI. Emporiso, os días 22 e 23 de xuño Compostela quere converterse nunha “capital da diversidade sexual”, cun programa de actividades para o Orgullo 2018 que mestura o “lúdico” cun labor de “sensibilización”.
Un dos puntos fortes das xornadas será a “mesa redonda” na que a deputada do BNG Olalla Rodil, a senadora de En Marea Vanesa Angustia, o avogado Miguel Vieito e a activista Daniela Ferrández debaterán sobre o futuro lexislativo das leis trans e LGTBI. Alén diso, nos días previos haberá tamén diversas accións de “axitación” e “concienciación social”, como unha manifestación prevista para o sábado 16.
Oferta musical
No apartado musical, o venres 22 participarán artistas como De Vacas, La Prohibida e DJ Jairo Movistar, a partir das 21.00 horas. Ao día seguinte, a “sesión vermú” estará protagonizada por Broken Peach, Lúa Gándara, Bribatta e PutoChinoMaricón. Estes concertos comezarán ás 13.00h.