
O Concello de Santiago presentou este mércores a liquidación dos orzamentos do ano 2017, un proceso que se demorou nos últimos meses, segundo a concelleira de Economía e Facenda, María Rozas, por mor das trabas do Ministerio de Facenda ás administracións locais. Este exercicio péchase con superávit e un remanente de tesouraría que supera os 7’8 millóns de euros.
Os investimentos reais acadaron o 23% de execución
Rozas salienta que estes resultados reflicten a “boa saúde” da economía de Compostela. Unha das principais novidades a respecto de 2016 foi o aumento dos investimentos reais, que acadaron neste exercicio o 23% de execución, fronte ao 21% do pasado ano. A concelleira lembra que moitas das obras licitadas durante 2017 non se reflicten nos orzamentos pola demora no seu inicio, mais é consciente de que estes datos de cumprimento son aínda mellorábeis.
Redución da débeda pública
Para o Goberno local, o aspecto máis salientábel destas contas seica sería a redución da débeda pública a “mínimos históricos”. En concreto, 29 millóns de euros, a diferenza dos máis de 45 millóns que acadaba en 2015. Esta tendencia reflectiría a “independencia económica” do concello.