O festival O Son do Camiño, que traerá a Compostela a artistas coma Martin Garrix, Lenny Kravitz ou The Killers, fai intuír unha asistencia masiva, polo que o Concello porá a disposición das e dos asistentes un servizo especial de transporte urbano. As liñas 6 e 7 achegaranse ao Monte do Gozo cunha frecuencia de 20 minutos entre o xoves 28 e o sábado 30, e haberá unha lanzadeira que funcionará de forma continuada estes días.
SD Compostela vs CD Salmantino
Por outra banda, en vista da grande afluencia de público que se prevé para o partido deste domingo entre a SD Compostela e o CD Salmantino, a liña 6 prolongarase até o estadio de San Lázaro. Cómpre lembrar que o encontro en cuestión corresponde á volta da terceira e definitiva eliminatoria do play-off de ascenso a Segunda B; o partido de ida selouse en Salamanca cun empate (1-1).
Así e todo, o horario de verán do bus urbano será o mesmo que o ano pasado, coa inclusión de novas conexións con Villestro. Tódalas novidades poderanse consultar na aplicación móbil maisbus, na páxina web de Tussa ou a través do teléfono 981 581 815.