O Concello investirá no medio rural a totalidade dos fondos procedentes do programa POS+ 2018 da Deputación da Coruña. Executaranse nas parroquias santiaguesas cinco ambiciosos proxectos baseados na mellora dos equipamentos deportivos e socioculturais da contorna. Unha das actuacións máis salientábeis consistirá na creación dunha senda peonil ao longo da rúa de San Martiño de Aríns, que contará cun orzamento superior ós 400.000 euros e permitirá mellorar os accesos ao Monte do Gozo.
O segundo grande investimento contempla a construcción dun edificio de usos múltiples na contorna do colexio de Lavacolla. Este proxecto, no que o Concello investirá 312.000 euros, complementarase cunha actuación xa prevista da Xunta e permitirá á veciñanza dispor dun espazo que tiña reclamado dende hai anos.
Por outra banda, o concelleiro de Medio Rural deu conta da licitación próxima de dúas actuacións establecidas no programa do pasado ano: a mellora dos accesos á parroquia de Busto, cun orzamento de 182.000 euros, e a renovación do pavimento na Gracia, por unha contía superior ós 100.000 euros.