Home Programas Área Compostela Compostela dá pulo ao emprego xuvenil

Compostela dá pulo ao emprego xuvenil

0
Compostela dá pulo ao emprego xuvenil

Boas novas para a mocidade compostelá. O Concello vén de percibir unha subvención da Unión Europea por valor de 526.000 euros para desenvolver o plan “Impulsa”, un proxecto de cualificación profesional xuvenil.

O Plan Impulsa dirixirase a 85 mozos e mozas

Deste xeito, 85 mozos e mozas da cidade poderán escoller entre cinco ofertas formativas para afondar no funcionamento das TIC. Unha vez finalizado o curso, as e os estudantes obterán un certificado profesional de nivel 3.

O programa porase en marcha a finais de marzo ou principios de abril

Cada un dos cinco itinerarios a escoller terá unha duración de preto de 450 horas e contará con 17 prazas. O único necesario para acceder ó plan “Impulsa” é ter entre 16 e 25 anos, posuír o título de Bacharelato ou equivalentes e adherirse ao Rexistro de Garantía Xuvenil de Compostela.

É froito do esforzo que vimos facendo estes anos por mellorar o emprego

A concelleira de Desenvolvemento Económico, Marta Lois, valora a concesión desta subvención como un síntoma do “grande esforzo” feito dende o goberno local para fomentar o emprego na cidade.

Segundo programa en menos de seis meses

Esta achega económica súmase ao millón e medio de euros que o Concello obtivera o pasado ano para o plan “Mocidade con Emprego”, polo que o consistorio disporá neste 2018 de máis de dous millóns de euros para impulsar políticas de emprego xuvenil axudando a preto de 400 mozos e mozas.