A tenente de Alcalde, María Rozas, presentou esta mañá o novo ciclo da concellaría de Acción Cultural, Compostela Conversa. Neste, poderanse ver grupos dialogando sobre a música para, posteriormente, ofrecer un concerto. Compostela Conversa celebrarase un domingo ao mes de marzo a xuño, no Teatro Principal.
A edil insistiu na intención de que os artistas conversen co público e mesmo con profesionais do seu ámbito que estean afincados noutros espazos. Acompañando á edil estivo Cristina Miranda, directora artística do ciclo.
Cristina Miranda salientou que os obxectivos son, en primeiro lugar, que a xente poida preguntar, comentar e dar os seus puntos de vista. Mais tamén dar un paso máis alá, xa que preténdese que as persoas interesadas poidan enviar preguntas ao correo electrónico que se ofrece con anterioridade. As entradas para cada concerto terán un prezo de dez euros. Segundo indicou a directora do ciclo, este terá o seu punto final coa proposta máis rockeira e moderna: a de Guerrera.