Compostela continúa apostando pola compostaxe

O Concello inicia a segunda fase do proxecto de compostaxe doméstica, que contempla extenderse a dúas parroquias máis e duplicar o número de familias participantes

O Concello de Compostela acaba de poñer en marcha a segunda fase do proxecto de compostaxe doméstica que comezou o ano pasado. Ate o de agora, os resultados son bos, con máis de 100 familias participantes nas parroquias de Villestro, Grixoa, Figueiras e Laraño; e a meta está en acadar os mesmos resultados en Sabugueira e na Gracia, que se recollen nesta nova estaba.

- Publicidade -

Como explicou o Concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, o proceso é o mesmo que as outras veces. As familias que queiran participar, recibirán o material necesario para facer compost nas súas casas, así como obradoiros de formación e seguemento por parte de Adega, a asociación que colabora co Goberno Local neste proxecto. Ademais tamén anunciou unha novidade, unha app que permita xeolocalizar os composteiros e a fase na que se atopan.

Xunto co proxecto das illas de compostaxe comunitaria que xa funcionan en Santa Marta, Salgueiriños e Galeras e en varios centros educativos, Xan Duro tamén anunciou iniciativas para implantar o quinto contedor de residuos orgánicos na cidade. Así, en Compostela estase a fomentar a composaxe e a reciclaxe con grande efectividade, e cumprindo coa directiva europea de residuos, que sinala que en 2020 o 50% dos residuos domésticos deben ser reciclados ou recuperados.

Para participar, é preciso cubrir o formulario dispoñible na web municipal e remitilo por e-mail á dirección medioambiente@santiagodecompostela.gal, ou acudir á oficina de Atención á Cidadanía na rúa de Galeras.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego