A figura do grande escritor Ramón María del Valle-Inclán será a protagonista do roteiro guiado pola cidade que terá lugar o día 28 de decembro lembrando a celebración do seu 150 aniversario.
A xornada conmemorativa comezará ás 17:00 horas na estatua do escritor no Paseo dos Leóns da Alameda e continuará ás 19:00 horas no Café Casino cunha lectura pública comentada de fragmentos sobre Compostela. Na rolda de prensa o director do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, Antonio González, salientou a importancia da figura do escritor e contestou con retranca a pouca sensibilidade do goberno español en comparación con outros aniversarios literarios.
Turismo de Santiago, o Museo de Valle-Inclán e o Ateneo colaboran na creación da “Ruta Valle-Inclán por Santiago de Compostela, Rosa Mística de pedra”, unha ruta cultural e turística que permite coñecer a cidade a través da vida e da obra de Valle-Inclán.
Ramón María del Valle-Inclán viviu en varias ocasións na capital de Galiza
De mozo estudou na Universidade de Santiago e aquí publicou os seus primeiros traballos literarios, na revista Café con gotas. En Santiago tamén pasou os últimos meses da súa vida, ata que faleceu o 5 de xaneiro de 1936. Os seus restos están no cemiterio de Boisaca.