A capital galega prepárase para vibrar durante dúas semanas coa súa maior festividade, o Apóstolo. Desta volta, as actividades estenderanse do 18 ao 31 de xullo, con diferentes actuacións en espazos coma O Toural, A Quintana ou a Alameda. No cartel deste ano salientan artistas coma Rosalía, Mala Rodríguez, Wolfmother ou Rubén Blades, facendo especial fincapé nas artistas femininas.
Unhas Festas do Apóstolo para “empoderar ás mulleres artistas”
A actriz Nerea Barros dará o pregón
As festas comezarán o vindeiro 18 de xullo, cun pregón que correrá a conta da actriz compostelá Nerea Barros, actriz revelación nos premios Goya de 2015 pola súa actuación en “La isla mínima”. O seu nomeamento serve de homenaxe ao seu “exitoso traballo” no cinema e a unha “longa traxectoria nos teatros de Compostela”, segundo explicou a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra. Esta é outra das iniciativas a través das cales o Concello de Santiago tenta visibilizar ás mulleres nas Festas do Apóstolo deste ano.
A cultura galega migrante
Alén da vocación de amosar o potencial das artistas femininas, a outra grande aposta desta edición do Apóstolo é a posta en valor da cultura migrante. O Centro Cívico de Romaño será escenario do programa ONDA —Observatorio da Nova Diáspora Galega—, do 20 ao 22 de xullo.