A vindeira fin de semana, Santiago de Compostela recibirá a visita de máis de 200 judokas procedentes de diferentes cidades de Galicia, España e Portugal. O sábado 3 de febreiro celebrarase a décima edición do Trofeo Cidade de Santiago de judo en categoría infantil, mentres que o domingo terá lugar o Campionato de Galicia júnior desta disciplina, que será clasificatorio para a fase final do Campionato de España. A concelleira de Deportes, Noa Morales, presentou este martes o evento en compañía do presidente da Federación Galega de Judo, Mario Muzas, e o delegado da Federación en Santiago, Javier Rial, quen valoraron a transcendencia deste evento para a cidade.
Ámbalas dúas probas desenvolveranse no Pavillón de Santa Isabel en horario de mañá e de tarde. Alén dos combates de judo, haberá outras actividades complementarias para as e os asistentes coma un obradoiro de reciclaxe para árbitros.