Presentouse no Pazo de Raxoi o IV Seminario Internacional Resclima, un encontro internacional que ten como fin estudar e difundir a problemática do cambio climático. A conferencia inaugural correrá a cargo da profesora da Universidad Veracruzana de México, Laura Odila Bello Benavides, e do asesor pedagóxico do Servizo de Educación Ambiental do Goberno Vasco, José Manuel Gutiérrez Bastida.
O concelleiro de Medio Ambiente, Xan Duro, explicou que este encontro pretende “reflexionar para que un tema como o cambio climático sexa materia educativa” algo necesario posto que “é o grande reto da nosa época”.
Un simposio internacional
Por parte da organización participaron na presentación aos medios de comunicación Pablo Meira, presidente do Comité, Lucía Iglesias da Cunha, secretaria, e Kylyan Marc Bisquert vogal da mesma. Para Meira “hai que vencellar aos grupos de investigación internacionais para que fagan pedagoxía” e expliquen os resultados dos seus traballos. Para Lucía Iglesias o seguinte paso é “levar a experiencia aos propios centros de ensino”.
No encontro haberá sesións de comunicacións breves en torno á educación para o cambio climático no sistema educativo, a comunicación do cambio climático e cidadanía a educación nas políticas de cambio climático e educación para o cambio climático e xustiza ambiental. Expertos e expertas de dez países de universidades do Estado como a de Valencia ou a de Málaga confirmaron a súa participación.
A conferencia de clausura correrá a cargo de Edgar Javier González Gaudiano, da Universidad Veracruzana de México, baixo o título “A educación como clave social para reducir a vulnerabilidade diante do cambio climático”.