
O Concello de Santiago acolle un ano máis o programa “A rúa é nosa! Territorio xogantín”. O proxecto, que está dirixido a nenos de 6 a 10 anos, ofrece un espazo de socialización en galego a través do xogo. Todas as mañás, de luns a venres ata o vindeiro 30 de agosto, desenvolveranse actividades e xogos para os máis cativos e cativas nas rúas de Santiago. O horario é de 11:30 a 13:30 e punto de encontro é a Praza 8 de marzo.
A concelleira de Políticas Lingüísticas, Noa Díaz, explica que esta proposta é moi necesaria “debido ás cifras alarmantes que hai sobre o uso do galego”. E ademais da relación coa lingua, tamén destaca o carácter de socialización, xa que durante dúas horas os cativos e cativas poden ocupar o seu tempo de lecer dun xeito participativo, solidario e respectuoso, e ser quen de xogar sen intervención de guías ou máquinas.