O xurdimento da Marea de Ferrol, un espazo competidor de Ferrol en Común avalado por dirixentes afíns a Luís Villares, vén de provocar un terremoto político dentro do espazo. Compostela Aberta propón adiantar a renovación da “cúpula” de En Marea debido á “deriva negativa” da coordinadora que lidera Villares. Martiño Noriega coida que este movemento permita a “intermediación” de CA neste conflito.
É preciso paliar a dirección negativa que está a tomar o proceso de unidade popular
Compostela Aberta lanza un órdago á coordinadora de En Marea
A través desta iniciativa, Noriega confía en que estean reflectidos “tódolos actores” que compoñen o denominado como “espazo do cambio”, incluíndo á xente que “decidiu non involucrarse” nun primeiro intre. Nesta nova dirección estarían presentes, como mínimo, representantes das formacións integrantes da primeira coalición —Anova, Esquerda Unida e Podemos— e as tres mareas gobernantes —Ferrol en Común, Marea Atlántica e Compostela Aberta—.
O obxectivo do alcalde de Santiago é que a nova coordinadora sexa “representativa” de tódalas sensibilidades que compoñen En Marea e evite “xerar ruído”. Noriega conta co apoio do alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, así como o seu homólogo en Ferrol, Jorge Suárez, e outras personalidades coma Xosé Manuel Beiras, moi crítico coa fundación da Marea de Ferrol.