Dende o ano 2003, 917 mulleres foron asasinadas en España polas súas parellas. Un estudo do Ministerio de Interior do ano 2014 indicaba que unha muller é vítima dunha violación cada oito horas, e, cada hora e media, dunha agresión sexual. As cifras son moi alarmantes, e toda axuda é pouca para combater a lacra das violencias machistas. Emporiso, após o rotundo éxito da campaña “En negro contra as violencias”, o grupo municipal de Compostela Aberta pretende volver a situar baixo os focos esta cuestión. Para elo, presentará no Pleno do vindeiro xoves unha moción para que o consistorio manifeste o seu apoio explícito á folga feminista do 8 de marzo.
Marta Lois: “Queremos que a folga do 8 de marzo centre a axenda política”
O obxectivo desta proposta plenaria é crear conciencia social acerca dunha forte ameaza que, segundo unha enquisa do CIS realizada o pasado ano, ocupa o posto número 21 na escada de preocupacións da sociedade española, moi por debaixo do desemprego, o independentismo catalán ou a inmigración. As cinco concelleiras de Compostela Aberta compareceron ante os medios de comunicación no Concello para dar lectura ao seu manifesto a prol desta concentración que defende os dereitos das mulleres de todo o mundo.
.@CompostelaAberta defenderá no vindeiro pleno municipal unha moción de apoio á folga feminista do 8 de marzo pic.twitter.com/TZwdGfHZV2
— Nós Televisión (@NosTelevision) 8 de febrero de 2018
Suspéndense os actos previstos para esa data
O grupo de goberno tenta que, coa aprobación desta moción, se facilite a participación na folga, tomando decisións coma a suspensión de tódolos actos institucionais que se puidesen celebrar o 8 de marzo. Asemade, colocarase no balcón do Pazo de Raxoi unha faixa en apoio ó movemento feminista.