Despois da selección dos primeiros catorce nomes da lista de Compostela Aberta, que se deran a coñecer despois do proceso das primarias, o partido pecha a súa lista con once nomes novos. Trátase de persoas do tecido asociativo e de figuras salientables do ámbito da cultura e o deporte.
Martiño Noriega explica que o proceso de escolla é “diferente ao do resto dos partidos” porque calquera veciño se pode inscribir. Noriega considera que para ser representante institucional non é necesario ningún título universitario, senón que calquera veciño que teña vontade e compromiso pode desenvolver perfectamente o cargo.
Na presentación desta lista de nomes Martiño Noriega explicou que o seu obxectivo é volver a gobernar para poder continuar coa etapa comezada hai catro anos. Califica a súa candidatura como “unha candidatura de futuro” e di que é unha oportunidade para continuar convertendo Santiago nunha cidade dinámica e que exerce con orgullo o posto de capital de Galicia.