Boas novas para o sector servizos de Compostela. O departamento de Turismo acudirá, entre o 22 e o 24 de abril, ao principal evento aeronáutico de Europa, que, nesta ocasión, celebrarase en Bilbao. No encontro participan máis de 100 compañías aéreas, 300 aeroportos e 50 entidades turísticas, e o obxectivo do Concello é manter “contactos directos” tanto con compañías que xa operan en Lavacolla como con outras que estean interesadas en incluír a capital galega á súa carteira.
Durante os últimos anos, o aeroporto compostelán atravesou unha evolución moi positiva, batendo as súas propias marcas ano tras ano. A clave deste crecente éxito, segundo a concelleira de Turismo, Marta Lois, é levar a cabo unha xestión “razoable” e “sostible” que aposte pola “desestacionalización” e as conexións internacionais.
O Concello quere explorar novos mercados coma o dos países nórdicos
A día de hoxe, Compostela ten once conexións internacionais con cidades do continente coma Dublín, Amsterdam ou París. Un dos obxectivos de Turismo de Santiago é “explorar” o mercado dos países nórdicos e, deste xeito, abrir novas vías cara a países coma Dinamarca ou Finlandia.